xoves, 28 de marzo de 2024

Concerto Homenaxe A Manolo, Compañeiro E Amigo

E alí estivemos Os Chispas do Lérez no Centro Social A Pedreira en Pontevedra. Nun concerto que adicamos ao noso amigo e compoñente Manolo que nos deixou fai pouco. 

E, de certo, que foi unha sentida homenaxe acompañados por un público entusiasta que encheu o Centro e que nos animou en todo momento.

Despois das emotivas palabras do noso Director todos os que alí estabamos sentimos bágoas nos ollos. Pero sacamos o noso mellor e alá seguimos coa actuación botando ao ar aquelas cantigas que el, Manolo, tantas veces cantou.

E tamén algunha que outra noviña do trinque. 

Momento tamén de arrepiar cando as netas de Manolo e do noso compañeiro Ramón uníronse a nós sobre o escenario para continuar a tradición.

Por iso, por todo o alí vivido: MOITAS GRAZAS A TODOS, AMIGOS E SIMPATIZANTES QUE ALÍ ESTIVESTES A ACOMPAÑARNOS E SENTIRNOS!! 

Levaremos por sempre no recordo este día tan sentido. 

MANOLO SEMPRE NA NOSA LEMBRANZA!

mércores, 20 de marzo de 2024

Concerto En Centro Social A Pedreira, Pontevedra, A Manolo García, Compañeiro, In Memoriam

Os Chispas Do Lérez o vindeiro Sábado 23 de Marzo estaremos botando unhas cantiguiñas, e farémolo na honra do noso compañeiro Manolo García finado hai unhas semanas... 

A verdade é que botamos de menos a súa presenza entrañable, a súa afable maneira de ser, os seus ollos doces e penetrantes que te seguían sempre amosando agarimo, o seu sorriso sempre a florear nos seus beizos e a ledicia que nos transmitía a cada momento...  

Acontecerá no Centro Social A Pedreira situado na Rúa Serra nº 36 en Pontevedra. Alí, na compaña de todos os que queirades achegarvos, gozaremos da nosa Música Tradicional que a el tanto lle gustaba. 
Ademais botaremos algunhas pezas recén saídas do trinque como por exemplo unha que fala de Pontevedra, do Río Lérez, da Ría,... Con música e letra do noso Director, Xosé Iglesias, Buxán... E que de seguro, de agora en diante vai ser a Cantiga que nos represente... Seguro que lendo o seu título, xa saberedes o porqué: “Os Chispas Do Lérez”.  

Tamén incorporaremos ao noso repertorio: “Foliada de Xil de Cambados”, e “Miña nai mandoume á Feiracon música popular e letra do noso director.  

AGARDÁMOSVOS ALÍ!!!! MANOLO, COMPAÑEIRO, SEMPRE NA NOSA LEMBRANZA!!!

domingo, 3 de marzo de 2024

Loito Nos Chispas Do Lérez. A Manolo In Memoriam


Hoxe Os Chispas do Lérez estamos de loito! Esta tarde unha terrible noticia abalounos o corazón!

O noso compañeiro de cantigas, Manolo, deixounos sen a súa agradable compañía...

E marchou así, sen avisar... así como quen non quere a cousa... así como era el... discreto, sinxelo,...

A súa é una grande perda para todos nós!!! Sempre o lembraremos como una persoa optimista e que sempre procuraba dar o seu mellor!!! 

El era un amigo para cada un de nós... Sempre sabía a palabra certa para nos dicir... E que sorriso o seu cando chegaba e así, como quen non quere a cousa, enchíanos dos bos e ricos produtos da súa horta!!!!

Pero o mellor del sempre será ese ánimo que el tiña e que nos contaxiaba tanto nos ensaios, coma nas actuacións e nos outros momentos dos que el disfrutaba ao grande: Aqueles momentos pasados cantando e trouleando nos furanchos!!! Alí irradiaba felicidade e todos nós con el!!!

Ata pronto, Manolo, compañeiro! Lembrarémoste para a vida e ficarás por sempre nun recuncho dos nosos corazóns!!!

Que a terra che sexa leve!